Archivo para la Categoría ‘Artigos’

18
Oct

Manifesto de Caaveiro (2009)

   Publicado por: admin

Horas, días ,…  anos  poderiamos  estar falando das excelencias  e mesmo carencias deste marco incomparable; probablemente un dos máis emblemáticos de Galicia..De seguro que se inrtercambiarían opinións  ben diferentes segundo a cor da cristal coa que se mirase.

O que si, seguro que  ninguén poñería  en dúbida nin cuestionaría o encanto, nin a beleza desta especie de acrópole  de espiritualidade alzada sobre as “fragas do pai Eume” que  en contra do que parece  une  máis que separa. 

O Convento, o Mosteiro de San Xoán de Caaveiro é o epicentro dun territorio  que se caracterizou durante séculos pola súa  xeografía atormentada e  un illamento que tivo moito que ver coa súa pervivencia. 

Eremitas, frades, abades, priores, coengos, nobres, bispos, e mesmo reis fixeron a historia de Caaveiro. Unha historia non de todo  documentada que se remonta a tempos que se perden na memoria. Centos e centos de protagonistas que fixeron de Caaveiro un centro  de espiritualidade, poder, e … por qué  non recordalo, de corruptelas varias. 

Uns e outros aportaron para ben ou para mal o seu aquel.  Sobre todos, destaca a figura de San Rosendo que deixou unha grande pegada no imaxinario popular como o atestiguan as  abondosas    mostras da literatura popular nas que se recollen as obras e miragres deste bispo santo. 

En Vilar quixo Deus

que fundaras Celanova;

lémbrate de Caaveiro

a túa primeira obra

 

De Caaveiro a Mondoñedo

de Celanova a Santiago

camiñando vai Rosendo

descalciño polo barro.   

                    

San Rosendo en Caaveiro,

fixo pontes e fixo casas

ferreirías e batáns

tamén canles para a auga.

 

 

Unha historia que inicia o seu remate  co último prior don Juan Francisco Mon y Valedor  finado no ano 1787. A primeiros do S.XIX  a Colexiata é abandonada con grande pesar como nolo recorda a cantiga .

Convento de San Xoán,

convento de moitos frades

din as nenas de Gunxel:

- convento nunca te acabes. 

Iniciase así unha etapa  na que se conxuga o abandono, co desinterese. 

No ano 1854 as reliquias de San Rosendo foron trasladadas a Santiago. A súa  túnica á Capela das Neves, e  a Soaserra o retablo coas tallas de San Xoán e San Agustín amais das campás. 

¡Ai, campás de Soaserra

meigas campás do convento;

música da miña aldea

alivio do meu contento.

 Trala desamortización, as propiedades e os edificios saen a subasta; as propiedades foron vendidas no ano 1850 a José Rdguez. y Domingo Cano.

 No 1875 o Arcebispado de Santiago consegue a devolución dos edificios. No 1890 o avogado don  Pio García Espinosa Escudero consegue que o Arcebispado lle ceda os edificios e fai unha restauración parcial que remata no ano 1896; trala súa morte  reiníciase o deterioro, que é alarmante  dende o ano 1960 cando o caseiro José Ramos lle entrega as chaves a dona Esperanza García Rodeiro viúva de don Luis o fillo menor de D. Pío 

Esta degradación coincide coa habilitación de novos accesos que deron facilidades ao turismo irresponsable. 

No ano 1971 declárase conxunto histórico- artístico e paraxe pintoresca. 

No 1980 declárase de interese pública a efectos de expropiación sendo beneficiaria da mesma a Deputación que leva a efecto, por un valor de 26.000.000 ptas , abonadas aos netos de D. Pío, no ano 1986. 

No 1989 realízase unha campaña arqueolóxica.

 E  no 1998. entra en liza a Xunta de Galicia ao declarar  a zona na que se atopa  Parque Natural. 

Dende hai anos estamos asistindo á restauración deste cenobio. ¡ Benvida sexa¡. 

Pero este marco  non sería o mesmo sen o que o rodea: as fragas. Unhas fragas que foron sometidas durante séculos a un intenso aproveitamento baseado nun pacto non escrito entre a Natureza e o Home. O Home permitiu que o bosque se rexenerase a cambio de que lle seguira aportando medios de vida en forma de madeira, leña, froitos, …; O Home aproveitábase dos recursos dun xeito racional, sen esgotalos nin destruílos. 

Froito desa intervención sustentable herdamos un rico patrimonio. 

Un patrimonio con  fartura de caracteres distintivos visibles dende moi antigo, probablemente dende que os primeiros seres humanos se asentaron neste territorio. Vaian como mostra:           

  • as concentracións de mámoas asentadas nas abas que baixan ata         Eume.
  • as pontes e pontigos sobre os regatos.
  • as lexendarias covas onde os mouros e … algún máis gardaba os seus tesouros.                                  

“Contoume meu avó que preto de aquí escondido baixo unhas penas hai un tesouro moi grande ao que os frades para defendelo lle puxeron unhas cordas de tal xeito que parecían cobras.

Sabedores diso, os veciños do lugar tentaron ir na súa busca. Atopárono pero cando un deles lle botou a man para sacalo saiulle unha cobra moi grande con dúas cabezas.

As cordas estaban encantadas. O tesouro disque aínda segue aí”       

  • os vellos camiños e corredoiras que se adentraban nas fragas. 
  • as cruces de demarcación de territorio da Pena dos Mosqueiros. 
  • os estilos xurídicos vixentes desde a Idade Media. 
  • as  marcas dos canteiros das Penas da Aira de Mallar. 
  • as foias espalladas polas fragas 
  • as curripas arruinadas dos soutos. 
  • a Retorno , a Central Vella 
  • os muíños que xa non beben. 

Todos e cada un deles dan fe dunha cultura que se manifesta en todo o que rodea ao Home: as súas crenzas, os ritos ancestrais, as usanzas sociais, os costumes, o traballo. . Unha cultura que se esmorece cos nosos maiores.  nosa obriga…é a de facer todo o posible para conservala para que siga alomenos formando  parte da memoria colectiva e, no posible, trasmitirlla ás novas xeracións . 

Un patrimonio que na medida do posible debería poñerse en valor porque completa sobremaneira a grandeza natural e histórica deste entorno. No Museo Etnográfico da Capela estamos niso, tentando con humildade aportar o noso gran de area. 

Que esta xuntanza sexa unha homenaxe, un recoñecemento a todos os homes e mulleres que fixeron que con ese pacto do que falabamos antes, as Fragas chegaron ata nós  aínda que semella que nos últimos tempos ese pacto tense rachado e estas están seriamente ameazadas e nun continuo deterioro. 

… por certo que xa van máis de 11 anos desde que se declararan Parque Natural           

                        os carambuñeiros de Ombre,

                        os papanduxeiros  de Irís,

                        os carqueixos de Xabariz,

                        os capotes de Monfero,

                        e os poldros da Capela….. 

donos todos das Fragas herdadas dos nosos antergos,  preguntámonos  un día si e outro tamén…  “¿Qué hai do noso?”.   

… e hoxe…….aquí estamos diante  do templo onde latexa o corazón da Fraga; 

baixamos   lixeiros de equipaxe, dispostos a sentir o alento, a forza, a enerxía dos nosos ancestros e o recendo de grandiosidade da natureza que nos envolve. 

Vimos de festa, … preparados para escoitar e admirar os silencios e transparencias agochados nas copas das árbores, na auga do Sesín, no movemento acompasado das follas abaneadas polo vento, pero tamén dispostos, se nos dan licenza, a manifestar o noso parecer sobre a situación  deste entorno; fartos de runruns que semella que non fan máis que tentar convencernos e persuadirnos para que abaixemos o vo dos nosos corazóns. 

Cos ollos de ver, vemos unha realidade cósmica: 

Estamos en terras do Concello da Capela;nunha propiedade da  Deputación, rodeados de ferrados e ferrados de fragas que teñen donos, pero que son administradas pola Xunta.

á beira dun río que “controla” Endesa.…e nós,  agardando. 

Agardando, Que?.

Agardando simplemente  a elaboración e posta en funcionamento dun Plan Global que conte con quen historicamente foron os que conviviron nesa proveitosa interrelación paisaxe e paisanaxe. 

Agardando  que dunha vez  por todas, todos os interlocutores se poñan a elo. Pedímoslles que  reinicien  o camiño lixeiros de equipaxe, con vontade de vencer, deixando fóra os prexuízos que lles podan impedir sentir o alento, a forza e a enerxía  dos que encheron de vida este marco.

¡Adiante, xa¡ . Non dubidesdes da eficacia dese esforzo¡ 

 Unha noite de tormenta

 perdeu San Rosendo o anelo;

moitos aniños despois

tróuxollo no bico un reo. 

Nós ,como San Rosendo botaremos este anelo ao Sesín agardando que se obre o milargre e que as xacias, as fadas dos río, nolo devolvan  cando os da Xunta, Deputación, Concellos, Propietarios das Fragas, Turismo …e demais familia  se senten na mesa da concordia  dispostos a ofrecerlle a toda a comunidade do Eume a posta en servizo dun proxecto que poña en valor – como recurso de desenvolvemento local- este espazo. Un proxecto que sirva para:

. aumentar a autoestima do rural

. contribuir a xerar e reanimar a vida local

. aumentar o fluxo do turismo eco-cultural.

. impulsar proxectos de creación de emprego na comarca. 

¡Que así sexa¡ . Agardamos que na Romaxe do 2010 , este anelo volva a estar conosco e podamos manifestar un sentir cheo de boas novas. 

¡Adiante coa festa…. que o pasedes ben¡. 

                                                                       San Xoán de Caaveiro, xuño de 2.009

 

Publicado no nº3 da revista  ”O Retorno”, ano 2009