|
|
|
|
|
A Casa Museo .-
A Casa do Pazo, antiga Casa Reitoral da parroquia de Santiago de Capela, está situada no lugar do Pazo, un núcleo rural lindante co Parque Natural das Fragas do Eume, a escasos metros da Igrexa Parroquial de Santiago de Capela e cunha ampla zona de aparcamento; dende aquí parte o sendeiro que, discorrendo polo antigo camiño medieval, leva ata o Mosteiro de Caaveiro do cal, segundo algunhas referencias, foi "Casa Prioral". É unha edificación de principios do seculo XIX feita en cachotería grande, cunha planta rectangular seguindo, en esencia, a tipoloxía da casa rural da zona; conta con dúas plantas e un forno anexo que se prolonga en toda a altura do edificio, e dispón dunha pequena finca.
A Casa do Pazo, é a sé central do Museo Etnográfico da Capela. Está adicada a recrear a "Casa" como unha unidade básica do sistema cultural tradicional. Unidade que non só responde á necesidade de refuxio da familia senón tamén ás necesidades sociais e ás derivadas dunha economía de autosuficiencia. Na Casa transfórmanse os produtos do campo e do gando en alimentos, confecciónanse e constúense os obxectos e utensilios imprescindibles para o desenvolvemento cotián da vida e do traballo.
A Casa está integrada nun medio natural onde o Home traballa a terra e aproveita os recursos que este medio (ríos, fragas, montes,..) lle ofrece. Froito desa intervención humana existe un rico patrimonio etnográfico (actividades tradicionais, costumes, elementos construtivos,...) que se pretende mostrar no Parque Etnográfico do Sesín.
|
|
|
|
|
|